Inicio



Seixas, seres míticos

Xosé Manuel Seixas Ares. Souto de Torres (Castroverde, 1971).

Deseñador gráfico de titulación e artesán de vocación, formeime tanto en cursos específicos como no mundo laboral, ou co contacto directo con artesáns e artesás en diferentes campos (coiro, madeira, cartón falleiro, cestería, costura, la, papel, metal…) centrando o meu traballo nas marionetas e, especialmente, no eido da máscara; nunca de xeito profesional.

Descubrín e sentinme fascinado polo mundo do Entroido tradicional hai décadas, visitando Entroidos tanto galegos como da península ou da Sardeña, investigando desde un principio o seu significado e formas, estética e elaboración. Desde hai anos tiven a honra de acceder a ese fantástico universo desde dentro, vestindo traxes ceremoniais de Santiago de Arriba (Chantada): Meco, Volante e Maragato ou de Maceda: O Felo, e participando esporádicamente noutros.

Froito de estar neste privilexiado espazo, empecei a contactar internamente con outros por medio das Xuntanzas de Entroidos ou visitas privadas a artesás e artesáns e portadores/as das vestimentas de diferentes lugares, así como a investigadores ou persoas maiores que lembraban algún xa desaparecido. Isto facilitoume o traballo que levo facendo desde hai anos no estudo e elaboración das máscaras tradicionais de Entroido, aplicando tanto saberes antigos trasmitidos de xeración en xeración, como o estudo de posibilidades de fabricación alternativas a materiais de nova incorporación.

Translate »